O luns día 5 de Febreiro as nosas compañeiras Gloria Rodríguez Gil, profesora de linguaxe musical, e Aine Veloso Álvarez , profesora de piano, comezaron a súa visita ao conservatorio Francisco Rosado en Loulé, Portugal. Chegaron a esta cidade xuntas, en viaxe ecolóxico compartindo coche, seguindo unha das prioridades do programa Erasmus+ “Medio ambiente e loita contra o cambio climático”.

Durante estes días, do luns 5 ao venres 9 de Febreiro, visitaron as instalacións deste centro, e asistiron a diferentes clases. Quedaron impresionadas, segundo contan, coa beleza do auditorio deste centro, con capacidade para un público de 100 persoas, e tamén co edificio que en palabras de Aine “é pequeno pero precioso”.

Outra cousa que lles chamou a atención é a política que leva o centro tratando de loitar contra o uso excesivo de teléfonos móbiles a través duns inxeniosos carteis como este.

Entre as actividades que realizaron cabe destacar a asistencia a clases de cuarteto de violíns, banda, viola da gamba, guitarra portuguesa na que quedaron impresionadas co método e a creatividade do profesor Zé Alegre, clase de clave, análise e frauta de bico entre outras. O Conservatorio Francisco Rosado fai unha gran aposta polo estudio de instrumentos e música antiga, pero tamén pola música moderna, con asignaturas como combo de jazz.

Estamos desexando que as nosas compañeiras volten e transmitan ao noso claustro a súas vivencias, aprendizaxes e emocións. Segundo relatan elas, quedaron moi satisfeitas coa boa acollida e implicación dos nosos socios portugueses.

Aquí vos deixamos algunhas fotos que con moito cariño e entusiasmo Aine e Gloria tomaron para todos nós. Desde o Equipo Erasmus+ do Cmus Profesional de Vigo enviamos agradecementos as nosas compañeiras pola boa representación que fixeron do noso centro no país luso.

Imaxe exterior do edificio do Conservatorio Francisco Rosado
As nosas compañeiras Aine Veloso e Gloria Rodríguez na porta do Conservatorio
De esquerda a dereita: Aine, Fernando Ponte, Gloria, José Gomes e Sergio Leite. Fernando Ponte e José Gomes son membros do Equipo Erasmus+ e Sergio Leite é o director do centro.
Na clase de Frauta de Bico coa profesora Ana Figueiras
Coa profesora de viola da gamba Ana Sousa

Auditorio
Detalle das escaleiras con escudo do ano 1826
Guitarra portuguesa, materia impartida polo profesor Zé Alegre
Clave
Instrumentos renacentistas