Trala cerimonia de entrega de premios do 13 de xuño, tivo lugar a 1ª Edición de “Raíces europeas”, evento no que se levou a cabo a plantación dunha árbore (liquidambar styracifluano xardín do noso Centro para fomentar a sostenibilidade ambiental, un pilar fundamental no que se basea o programa Erasmus+.

A tarde do pasado martes 13 de xuño foi moi especial para o Equipo Erasmus+ do CMUS Profesional de Música de Vigo, xa que, ademáis de dar a coñecer o novo logo e a nova sintonía da nosa Acreditación Erasmus+ para os seguintes 4 anos, levouse a cabo un evento dunha simboloxía moi especial. Tivo lugar a plantación dunha árbore no xardín do centro, para envolver, unha vez máis á comunidade educativa co Proxecto Erasmus+ que se está a levar a cabo e, ao mesmo tempo, destacar un dos pilares que sosté este programa europeo: a sostenibilidade ambiental.

Público e participantes asistindo á prantación da árbore do acto de “Raíces Europeas”.

O acto tivo unha notable implicación do alumnado e o claustro, participando o 100% dos participantes do concurso Erasmus+, os docentes que conformaban a comisión avaliadora do mesmo, o Equipo Erasmus ao completo e outros docentes do CMUS e familiares do alumnado.

Os membros da comisión avaliadora do Concurso Erasmus+, Ramón Cabezas, Sara Peral e Ángel Montes, e Virginia Lis, en representación do Equipo Erasmus+, poñendo o seu gran de area durante a plantación.
Íñigo Cabaleiro, alumno de 4ºGE da especialidade de Gaita e Cristian Silva, xefe de departamento de Música Tradicional, agasallándonos coa súa música nun momento tan especial.

Ademáis, tivemos a grande sorte de contar con música ao vivo grazas á presencia do alumno de gaita Íñigo Cabaleiro e o profesor Cristian Silva, quen o acompañou ao tamboril, criando unha atmósfera máxica ao ar libre durante a plantación. Esta nova árbore do noso xardín representa as “Raíces Europeas” do noso CMUS grazas á existencia do programa Erasmus+ no noso centro e tinguirá de cores vivas e brillantes os vindeiros outonos.

Sara Peral, profesora de piano, pianista acompañante e Coordinadora
Erasmus+, chea de orgullo durante o evento.