Angus Keay e Kristina Karsetile, profesores de guitarra eléctrica e piano respectivamente na Uppsala Kulturskola de Suecia, están estes días visitando as instalacións do noso centro e asistindo a diferentes clases en Visita Preparatoria, coa intención de voltar o ano que ven con máis profesorado do seu centro en Aprendizaxe por Observación (Job-shadowing).

Entre outras actividades, teñen visitado estes días clases de piano, de banda, de orquestra, de música de cámara e de produción, ademáis de asistir a varios concertos organizados no centro dentro do programa “Enclave Morada” que conmemora esta semana o día da muller e trata de dar visibilidade ao papel da muller compositora dentro do mundo da música.

O Equipo Erasmus+ estamos facendo de anfitrións para que poidan aproveitar ao máximo os poucos días que están no noso centro e na nosa cidade, e cabe mencionar tamén a fabulosa acollida e disposición de todo o claustro e por suposto do Equipo Directivo.

O noso alumnado visitará este ano a Uppsala Kulturskola en abril, e o curso pasado o noso profesorado foi moi ben recibido tamén alí. Semella que entre este centro de Suecia e o noso, podemos crear grandes lazos grazas ao programa Erasmus+.

Aquí vos deixamos algunhas fotos da visita, onde como podedes observar, tamén houbo un pouco de turismo pola nosa cidade, a pesar da choiva.

Chegada ao centro e recibimento do Equipo Erasmus+. De esquerda a dereita: Cecilia Martínez, Carmen Carreiras, Kristina Karsetile, Ángel Montes, Angus Keay, Sara Peral e Virginia Lis.
Agasallos traídos desde Suecia. Os nosos socios son moi amables e saben que somos ben larpeiros por estas terras.
Kristina e Angus coñecendo a gaita galega de mans de Cristian Silvia, profesor de gaita no noso centro.
Paseando pola cidade, diante do emblemático monumento “O Sereo”. Do outro lado da cámara Sara Peral, a nosa coordinadora, facéndonos a foto.
Xantando na mítica tapería “Eligio”.