O alumnado do CMUS Profesional de Vigo queda moi satisfeito tralas masterclasses de piano e música de cámara impartidas polo Experto Convidado Erasmus+, outorgando unha valoración nas enquisas de satisfacción de 5 sobre 5.

Entre o martes e o xoves desta semana tiveron lugar as masterclasses do pianista portugués João Pontes Araújo, convidado a través do Proxecto Erasmus+ do noso conservatorio. Tiveron lugar clases maxistrais de piano, música de cámara instrumental e piano e voz, as tres principais especialidades deste pianista portugués. Un total de 16 alumnos e alumnas de Grao Profesional foron os asistentes a ditas masterclasses.

Ademáis destas clases maxistrais que decorreron de mañá e tarde no Auditorio David Russell, no acto de clausura e entrega de diplomas tivo lugar un recital a cargo do experto convidado xunto cunha pequena representación do noso claustro docente. Así, o recital contou cun repertorio escollido polo propio experto convidado, baseándose nas especialidades instrumentais (piano, corda, clarinete e voz) que acostuma acompañar na Universidade de Aveiro, onde imparte docencia.

Por outra banda, queremos agradecer dende aquí a participación do profesorado, especialmente ao de piano, por acompañar ao alumnado durante estes tres de días de actividade no Auditorio David Russell.