O Conservatorio Profesional de Música de Vigo é o primeiro conservatorio profesional de música de Galicia en acadar esta distinción Erasmus+. 

O pasado 11 de febreiro o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), Axencia Nacional do programa Erasmus+ da Unión Europea en España e organismo adscrito ó Ministerio de Universidades, publicou a Resolución Definitiva da Acreditación Erasmus da convocatoria de propostas do programa Erasmus+ 2021 para os diferentes sectores de educación, entre os que se encontra o de Formación Profesional (KA120 VET), ámbito no que participan os conservatorios profesionais. 

O Conservatorio Profesional de Música de Vigo está de celebración, pois non só obtivo a Acreditación Erasmus, senón que o fai acadando a primeira posición tras superar un total de máis de 220 candidaturas, das que unicamente foron concedidas nesta convocatoria 104 en todo o territorio nacional. Deste xeito, convértese no primeiro conservatorio profesional de música de Galicia en lograr esta distinción e pasa a formar parte do reducido grupo de conservatorios españois que contan cunha delas (nesta convocatoria foron só dous conservatorios os que recibiron unha). 

A convocatoria de Acreditación Erasmus forma parte do novo programa da Unión Europea para a educación, a formación, a xuventude e o deporte para o período 2021-2027. Mediante a concesión desta Acreditación Erasmus confírmase que as organizacións seleccionadas, nesta caso o Conservatorio Profesional de Música de Vigo, estableceron un “Plan Erasmus” para levar a cabo actividades de mobilidade de alta calidade no marco dunha iniciativa máis ampla de desenvolvemento da súa organización. 

Dispor da Acreditación Erasmus garante a realización de actividades de mobilidade internacional de xeito regular. Ademais, ofrece a posibilidade de levar a cabo mobilidades cara a terceiros países non asociados ó programa, é dicir, países de calquera continente, opción exclusiva e limitada unicamente ós centros que teñen esta Acreditación. Doutra banda, permitirá tamén ó conservatorio convidar ó centro diferentes expertos do ámbito musical para impartir clases maxistrais ás que terán acceso tanto ó alumnado como o profesorado. 

Como indica Sara Peral Hernández, a Coordinadora Erasmus+ do Conservatorio Profesional de Vigo: “ter concedida a Acreditación Erasmus obtendo a primeira posición non só é un gran impulso para continuar consolidando o programa Erasmus+ no noso centro e avanzando na nosa estratexia de internacionalización, senón que tamén permite dar visibilidade ás nosas ensinanzas”. Engade: “Estamos moi emocionados, é unha grandísima oportunidade. Estamos desexando comezar a traballar nesta nova etapa”. Levar a cabo proxectos de mobilidade internacional supoñe un grande valor engadido tanto para o conservatorio como para toda a comunidade educativa no seu conxunto. Apunta que este logro, froito dun importante traballo, non tería sido posible sen a axuda das persoas que compoñen o Equipo Erasmus+ e fai un especial agradecemento ó apoio recibido polo equipo directivo, quen ten feita unha firme aposta pola internacionalización do centro.