O xoves 14 de marzo ás 19 horas, no Auditorio David Russell do Cmus Profesional de Vigo, vivimos momentos moi bonitos e emocionantes da man do alumnado que participou nas clases maxistrais de improvisación do guitarrista luso André B. Silva, ademáis da música a trío que nos regalou este estupendo músico acompañado polos nosos compañeiros Oscar Rodríguez (contrabaixo) e David Outumuro (batería).

O alumnado, que saíu a improvisar en tríos, aplicou os coñecementos aprendidos no curso, e o curioso é que estes tríos foron formados no propio momento do recital mediante sorteo feito polo propio André B. Silva. Cada trío tiña como única instrución: escoitarse entre eles, pasalo ben e tocar aproximadamente 3 minutos cun reloxo diante. A pesares dos nervios, todos os grupos fixeron cousas realmente fascinantes, así, desde o Equipo Erasmus+ non podemos máis que darlles os parabéns e animalos a xuntarse entre eles e seguir aplicando as técnicas aprendidas.

Tamén algún alumnado da clase de Introdución ao Jazz e Improvisación saíu a interpretar o tema Cantaloupe Island do pianista Herbie Hancock e un blues en Si bemol.

Na última parte do recital, André B. Silva interpretou a trío xunto con Oscar Rodríguez e David Outumuro, que se prestaron a acompañalo para a ocasión con grande amabilidade e sen dubidalo, os temas How Deep is the Ocean de Irving Berlin, Triste de Tom Jobim, Oleka do propio André B. Silva, e I mean you de Thelonious Monk.

Aquí vos deixamos algunhas imaxes do recital