Podedes ler nesta entrada as impresións do alumnado do CMUS Profesional de Vigo que este curso 25-26 disfrutou das mobilidades ofertadas polo programa Erasmus+ KA121 do noso centro. Así nas súas palabras textuais:

Características significativas do centro ao que se fai a mobilidade:

O mais salientable do centro visitado é a súa compoñente casi familiar. A estreita relación existente entre profesorado e alumnado, que se debe ao reducido número de alumnos do centro, facilita moito compatibilizar os estudos musicais ou de danza cos seus estudos obligatorios. Facilitan a escolla de horario para todas as familias, e axudan a alumnos con necesidades especiais (adaptando criterios de avaliación, ampliando datas de entrega…). Ademáis, contan con diversos modelos educativos, como son: O libre (o alumno escolle as materias a cursar, como se fora unha extraescolar), o supletivo (equivalente aos estudos dos conservatorios en España: o instituto e o conservatorio van de xeito separado), e o articulado (os estudos musicais están conectados co instituto, convalidanse asignaturas do ensino secundario para asistir ó conservatorio de mañá, levando sempre de xeito paralelo os cursos en ambas institucións, dirixido sobre todo ó alumnado que quere tomarse máis en serio os seus estudos musicais dende unha idade máis temperá; podería asemellarse ós alumnos de bacharelato artístico ). A ubicación do conservatorio, xusto en fronte doutros centros educativos, facilita ao alumnado desprazarse dun centro a outro .

Descripción de aspectos interesantes das clases que se visitaron:

O primeiro día, tivemos unha pequena clase de análise onde o profesor púxonos un par de exercicios para comprobar o noso nivel, xa que os alumnos tiveran as avaliacións a semana anterior. Despois vimos unha clase de coro infantil no que estaban a ensaiar as obras que ían cantar no concerto de primaveira.

O segundo día vimos algunhas clases de instrumento. Primeiro vimos unha de violoncello, e o alumno era moi novo, tiña uns 8 anos. Despois vimos unha clase de violín na que Nerea tocou unha partitura cun alumno e a profesora aconselloulles un par de cousas. Por último, tivemos unha clase cun profesor de violín que escoitou a Nerea e a Iris tocar algunha obra e fíxolles un par de recomendacións. Tamén, participamos no ensaio de orquestra para preparar as obras para o concerto de primaveira. Ao final do ensaio viñeron os nenos do coro a cantar algunhas pezas.

O terceiro día tivemos pola tarde o ensaio e concerto coa orquesta. Todo foi ben.

O último día tivemos un ensaio co profesor de violín e deunos unhas recomendacións en canto ás obras que iamos tocar no concerto da tarde. O noso concerto xuntáronno coa audición de piano dos alumnos dunha das profesoras, o cal foi moi bonito de ver, pois había alumnado con bastante nivel. Pola nosa parte, tócanos as obras que levabamos preparadas e así rematamos a nosa visita no conservatorio de Faro.

Relato de como a mobilidade ten influido ou transformado a nosa vida musical e aspectos profesionais:

A mobilidade Erasmus+ influíu de maneira moi positiva tanto na nosa vida musical como nos aspectos máis profesionais, xa que nos permitiu coñecer outras formas de ensinar, aprender e vivir a música nun contexto internacional. A través da participación en clases, ensaios, audicións e actividades con alumnado e profesorado doutro país, puidemos ampliar a nosa visión da interpretación musical, facendo especial fincapé na importancia da escoita, da expresividade e do traballo en equipo.

Esta experiencia axudounos a desenvolver unha actitude máis aberta e flexible fronte á música, así como a valorar diferentes metodoloxías de ensino e organización dos centros artísticos. Ao mesmo tempo, reforzou a nosa motivación para seguir formándonos no ámbito musical, entendendo mellor a importancia da disciplina, da responsabilidade e da cooperación nun entorno profesional.

En definitiva, esta mobilidade supuxo un cambio significativo na nosa maneira de entender a música, facéndoa máis consciente, colaborativa e enriquecedora, e contribuíu ao noso crecemento tanto persoal como profesional.

Anécdotas da estadía tanto no centro como no país:

Unha das anécdotas máis curiosas da estadía produciuse o primeiro día no conservatorio, durante unha clase de teoría musical. Nesa sesión, o profesor explicounos unha relación moi interesante entre a historia da música e a serie de harmónicos.

Comentounos que a evolución da música funciona case como un espello desta serie: se tomamos unha nota como referencia, simultaneamente pódense percibir outras notas, primeiro a oitava, despois a quinta, a cuarta, a terceira maior e a terceira menor, e así sucesivamente, con intervalos cada vez máis pequenos. O profesor relacionou isto coa evolución da música ao longo da historia, xa que, por exemplo, na Idade Media predominaban fundamentalmente os intervalos de oitava e quinta; posteriormente incorporáronse as cuartas e as terceiras, e foi aparecendo o sistema tonal; e co paso do tempo fóronse engadindo intervalos máis pequenos, ata chegar á música contemporánea, onde practicamente todos conviven sen unha xerarquía claramente definida.

Outras cuestións de interese a comunidade educativa:

As técnicas pedagóxicas utilizadas polo profesorado do centro foron especialmente chamativas para nós como alumnado. Fora de ensinarse teoría de forma illada, a maioría do profesorado, sobre todo en cursos máis baixos, apostou por unha metodoloxía moi activa para os nenos. Pódense destacar exercicios participativos de ritmo, entoación ou solfexo; pero tamén exercicios prácticos en materias como análise, nos que o profesorado se involucraba activamente no traballo dos alumnos, por exemplo facendo análises conxuntas ou exercicios de harmonía entre toda a clase que lles obrigaba a participar de xeito conxunto e verdadeiramente interesada. Se ben é certo que este tipo de ensino pode restarlle independencia aos alumnos, pode resultar moi práctico en fomentar o interese dos mesmos na materia.

A xestión de espazos tamén foi unha cuestión de interese para nós. Se ben é certo que os espazos exclusivos do profesorado, como poden ser despachos ou salas de reunión eran exclusivamente utilizados por eles, como é lóxico, o resto das aulas e espazos comúns non estaban nada xerarquizados. É dicir, un alumno ten o mesmo dereito que un profesor a utilizar un determinado espazo sempre e cando non estea reservado para clases, polo tanto a segregación no uso das salas desaparece case completamente. Resultounos chamativo xa que no noso centro existen as cabinas de estudo, de número limitado, que son os únicos espazos que verdadeiramente están habilitados para que sexan de uso para o alumnado. O problema de falta de salas de estudo desaparece no conservatorio de Faro, xa que, se unha sala que habitualmente está dispoñible para clases está baleira, pódese usar para estudar.

As seguintes fotografías ilustran a experiencia do noso alumnado:

Destacamos algunhas frases significativas dos nosos estudantes:

“A nivel persoal, esta mobilidade permitiume mellorar a miña autonomía, así como a capacidade de adaptación a novos contextos e formas de traballo. Tamén contribuíu a reforzar a miña comprensión oral en lingua portuguesa e a gañar experiencia en actuaciónsen público, como no concerto realizado. A experiencia Erasmus+ foi, en xeral, positiva, especialmente no ámbito cultural e persoal. As actividades realizadas, as viaxes e o concerto contribuíron a facer da mobilidade unha experiencia enriquecedora. Ademais, esta experiencia permitiume coñecer mellor aos meus compañeiros Erasmus, xa que compartimos moito tempo xuntos durante a viaxe. ” Brezo Verea.


“Esta formación axudoume a comprender un sistema educativo diferente; aprender novas metodoloxías, a adaptación de obras orquestrais ao seu conxunto reducido, e a participación de instrumentos como saxofón e o piano na orquestra. A nivel persoal, ampliou as miñas perpectivas en canto ó ambito musical, ensionoume valores sobre a convivencia cos meus compañeiros, dos que podo afirmar que acabaron por converterse nos meus amigos. Disfruitei especialmente da mobilidade pola estreita relación que gañei cos meus compañeiros, e alumnos do centro en Faro.Tanto o profesorado como alumnado foi amable en todo momento, os docentes sempre dispostos a axudarnos nas nosas necesidades. O alumnado sempre estivo atento tamén ás nosas dúbidas” María González.

“Se tivera que destacar algún momento especial de esta experiencia sería o feito de vivila cos meus compañeiros. Máis alá da formación académica, o máis especial foi compartir cada concerto,visita,…co grupo, creando unha experiencia común que reforzou a nosa relación e fixo que a mobilidade mellorase. En definitiva, esta mobilidade Erasmus+ supuxo para min unha oportunidade única de crecemento musical,persoal,… Axudoume a mellorar a miña maneira de interpretar, a reflexionar sobre os novos aspectos musicais e, ao mesmo tempo permitiume vivir unha experiencia inesquecible coas persoas que me acompañaron. Sen dúbida, levo conmigo aprendizaxes musicais moi valiosas, pero sobre todo recordos, emocións e vínculos que fan desta mobilidade algo verdadeiramente especial.”Nerea Fernández.

“A nivel cultural e persoal resultou unha experiencia tremendamente enriquecedora. As visitas a culturas, aínda que irmás, diferentes, axudáronme a conseguir un distinto e novo punto de vista a Portugal. Entender a historia da cidade de Lisboa a partir do Free Tour, e coñecer a cidade dende un punto de vuista artítstico e cultural é, a verdade unha tremenda sorte e aprendizaxe que me levo comigo da mobilidade” Antonio Ramón Martínez

“Paseino moi ben, foi unha semana moi enriquecedora en moitos sentidos e sinto que o grupo de estudantes que fomos unímonos bastante. Aprendín moito sobre a cultura portuguesa, en especial en Lisboa e vendo o espectáculo de fado, e ter unha semana entera na que o tema principal foi a música estivo moi ben, motivoume a centrarme máis no meu instrumento,a viola,aínda que no propio centro non tivesen esa especialidade” Iris Nogueira.