A pasada semana, o CMUS Profesional de Vigo acolleu novamente a visita de varios colegas do Central Obstrobothnian Conservatory de Kokkola (Fiinlandia) e do MUBA de Tallin (Estonia).
Entre os días 9 e 13 de marzo, tivemos a varios profesores e profesoras convidados nunha nova mobilidade Erasmus. Nesta ocasión, Esa Klapuri (Saxo e Composición), Toni Honkala (Folk e Tecnoloxía da Música) e Juhani Koivisto (Violín e Coordinador Erasmus do seu centro), profesores do Central Obstrobothnian Conservatory de Kokkola xunto con Arina Makarenko (Piano) e Kaur Pennert (Solfexo e Teoría da Música), profesores no MUBA de Tallin, foron os embaixadores dos seus centros en Vigo.
Ao longo destes días, os nosos compañeiros europeos asistiron a diversas clases de especialidades instrumentais, materias teórico prácticas e diversas clases de conxunto, como música de cámara, ensemble de gaitas ou orquestra.
Houbo tamén tempo para celebrar reunións co equipo directivo, co equipo Erasmus, Enclave Morada, coordinadora da Biblioteca ou asistir a unha xornada de portas abertas de Coñece o teu conservatorio.
Ademáis, e co gallo da celebración da Semana da Igualdade, os nosos convidados asistiron a varias das actividades programadas polo equipo Enclave Morada, que ten como obxectivo visibilizar ás mulleres nas artes e especialmente na música. Entre outras, puideron disfrutar do concerto-conferencia adicado á compositora Ester Vela, o concerto de piano adicado á Carmen Santiago de Merás, o Coro de cámara Rías Baixas, o concerto Ampersand ou a maratón de concertos Unha tarde entre mulleres.
Para finalizar a semana, tivemos ocasión de disfrutar dunha charla sobre o sistema educativo finlandés e a música folk finlandesa, ofrecida polo profesorado de Kokkola. Poderedes consultar o resumo desta actividade en vindeiros posts do blog.
Como vedes, foi unha semana moi especial na que os nosos compañeiros de Finlandia e Estonia puideron constatar a intensa actividade académica e cultural do noso centro. Os cinco marcharon aos seus respectivos países encantados da estancia en Vigo e con ganas de repetir.
Dende o equipo Erasmus, estamos moi satisfeitas da visita e agradecemos ao claustro e ao resto do persoal do CMUS pola colaboración e compromiso na organización das actividades e pola boa acollida ofrecida aos nosos colegas.
Velaquí tedes unha escolma de fotos que testemuñan a intensidade destes días!













Deixa unha resposta