Aquí podedes ler a experiencia vivida nas súas propias verbas:
“Carmen Carreiras e Gloria Rodríguez chegamos á capital de Estonia o 14 de Marzo.
Tallin é unha cidade pouco máis grande que Vigo, cunha poboación de 435.000 persoas e é a capital de Estonia, o máis pequeno dos tres países bálticos.
No século XIII estaba ocupado polos daneses, despois chegaron os alemáns, no S.XVI estaba baixo a protección de Suecia contra as invasións rusas de Iván o Terrible, para finalmente chegar a súa independencia no ano 1918 (que pouco durou porque nos anos 40 foi invadida polos soviéticos). Está claro que a súa situación estratéxica e a riqueza da súa área portuaria atraía aos colonizadores.
Dende o equipo Erasmus recomendáronnos realizar algunha visita guiada pola preciosa Tallin, e así foi como guiadas por un rapaz español que levaba dous anos vivindo en Estonia, percorrimos as rúas para empaparnos da súa cultura fascinante, como se de un museo ao aire libre se tratase.
Qué dificil resulta transmitirvos a fermosura desta cidade, o ben conservada que está ou as múltiples e variadas posibilidades culturais que ofrece. Pero queremos deixarvos unhas pequenas pinceladas da cidade báltica que sabe mesturar antigüedade e modernidade.
Comezamos na praza da liberdade, que nace en 1919 durante a celebración do primeiro aniversario da independencia de Estonia, e a cal está coronada por unha cruz de cristal, atravesamos as súas murallas do S.XIII consideradas das mellor conservadas en Europa, paseamos polo casco urban medieval declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 1997, e subimos a numerosos miradores para abarcar dende o alto as diferentes áreas da cidade, tales como a que alza a torre de San Olav de 124 metros de altura e coronada por unha gran campana que atraeu en 10 ocasións raios que 10 veces a incendiaron. Descendendo a colina do castelo de Tompea, onde se atopa hoxe o parlamento de Estonia, chegamos á praza do concello, onde tiñamos que ter coidado de non empaparnos por culpa dunhas enormes gárgolas do século XVIII que evacuan o auga do tellado. Foi curioso isto, pois ao parecer cando chove bastante os chorros son esaxerados, pero os lugareños non se queixan dando rodeos para sortealos, en pro da tradición.
Vos contaríamos moito máis desta cidade, pero agora entraremos no tema que sen dúbida vos deixará boquiabertos, o Tallinn College of Music and Ballet – MUBA, instalado nun edificio recente, construido para brindar calqueira detalle necesario para uns estudos artísticos de alta calidade.
O edificio foi rematado no ano 2022 e ten unha superficie de 26000 metros cuadrados na que conta con 120 aulas de música, 30 aulas de educación xeral, 4 salas de música para facer concertos, 2 auditorios, 6 estudios de ballet, estudio de gravación, piscina climatizada, sala de pilates e residencia para estudiantes de fóra de Tallin.
Trátase dun centro integrado (quere esto dicir que alí imparten o ensino de primaria, secundaria e bachalerato, e o ensino elemental e profesional de música ou danza), gratuito e imparten ensinanzas de música clásica, música moderna e ballet.
Contan cun total de 700 alumnos e alumnas de música e 90 de danza, e arredor de 300 profesores e profesoras.
Alí visitamos estas impresionantes instalacións pero tamén asistimos a clases de teoría musical, piano, coro de música moderna, ballet, Kantele (instrumento tradicional Estonio), ensemble de música moderna, audición de instrumentos de vento madeira, de música de cámara, concerto de órgano, de voz e piano, etc.
Moi interesantes foron tamén as reunións coa xefa de estudos de música clásica, coa coordinadora Erasmus, coa responsable de negocios musicais (organizadora de cursos, conferencias e master clases) e coa responsable de eventos e comunicación, nas que nos explicaron detalladamente o funcionamento do centro, tanto a nivel académico como pedagóxico.
En resumo, podemos concluir que foi unha experiencia moi enriquecedora porque coñecimos un centro de alto nivel cuns medios materiais e humanos impresionantes, que tivemos unha excelente acollida por parte do profesorado e alumnado e que agradecemos moito poder disfrutar destas experiencias que nos brinda o programa Erasmus implantado no noso centro.
Moitas grazas ao equipo Erasmus polo seu traballo e dedicación.
Gloria e Carmen”







Carmen e Gloria, nas memorias entregadas sobre a súa viaxe destacan o seguinte:
Carmen Carreiras:
“Foi unha experiencia moi enriquecedora estar nun centro vangardista con medios espectaculares tanto materiais como humanos e moi ben organizado. A acollida por parte do profesorado e alumnado foi excelente. Aprendín moito, pero tamén trouxen a reflexión de que no meu centro, o CMUS Profesional de Vigo, temos un nivel semellante en canto a alumnado e profesorado e unha moi boa organización a pesar de ter problemas de espazo e recursos humanos organizados doutro xeito polo sistema de contratación que temos no noso país”.
Gloria Rodríguez
“Todo o que podo comentar desta mobilidade é positivo:
- A cidade de Tallin resulta impresionante, combina á perfección o medieval coa modernidade, apostando pola oferta cultural constante.
- A xente é puntual, educada e moi traballadora, tanto profesorado como alumnado, que mostraban profesionalidade na nosa acollida.
- O equipo erasmus adícase en exclusivo á internacionalización, o que fai que a información sexa clara e constante dende o primeiro día.
- O alumnado presta moito interese nas aulas e resultan participativos nas mesmas. A súa actitude durante as audicións resulta ideal incluso nos máis pequenos.
- A xestión paréceme impecable e moi ben coordinada.
- O persoal non docente é atento e sempre mostra dispoñibilidade.
- Os recursos que empregan son novidosos”







Deixa unha resposta