O alumnado que durante este curso disfrutou da mobilidade a Kokkola, dentro do Proxecto Erasmus+ KA121 24-25, comparten estas verbas con toda a comunidade escolar sobre a súa experiencia na cidade finesa.
“A mobilidade tivo lugar en Kokkola, unha pequena cidade de 30.000 habitantes situada na costa finlandesa, a unhas 4 horas en tren ao norte de Helsinki. Cando estivemos nós houbera temperaturas moi baixas na semana anterior, polo que tivemos a sorte de ver todo nevado. As nosas primeiras impresións foron bastante positivas, sobre todo porque ningún de nós estabamos afeitos a ver neve e xeo pola rúa.
O conservatorio tamén nos sorprendeu moito xa que era moi grande para o número de habitantes da cidade e o número de alumnos que asisten a él. Todas as clases estaban moi ben equipadas. Por exemplo, teñen pequenos teclados nas aulas de harmonía para cada alumno e tamén contan cun estudio de gravación case profesional e unha aula cun órgano. Porén o que máis nos chamou a atención foi o auditorio pola súa amplitude e porque nel había algúns instrumentos sorprendentes para nós como un clavicordio.
O sistema educativo é bastante diferente, sobre todo na forma de estructurar os cursos, xa que só teñen dous anos de preparatoria para a universidade, os que se poden cursar a partires dos 16 anos. Os anos anteriores funcionan máis parecido a como funciona unha escola de música non oficial en España.
As clases foron unhas máis interesantes ca outras, sobre todo porque o conservatorio ofrece diferentes ramas como pop/jazz e folk. As clases de folk foron en especial as máis curiosas xa que nin sequera coñecíamos algúns dos instrumentos que se usan nestas clases e ademáis déronnos a oportunidade de coñecer música tradicional da rexión. Tamén aprendimos novos conceptos na clase de teoría de pop/jazz e en composición, onde nos explicaron que cada alumno ten como proxecto gravar un álbum para final de curso.
A metodoloxía empregada non é moi diferente á que se nos imparte en clase de instrumento, aínda que sí que cambia nas clases teóricas, que teñen un enfoque máis práctico e tamén nos pareceron menos demandantes en xeral. Os ensaios conxuntos (cámara, orquestra) involucran algo máis aos estudantes coa elección de obras e nivel de participación, aínda que tivemos a sensación de que as obras non se traballan con tanto deteñemento e atención ao detalle e á interpretación.
O noso tempo libre durante a mobilidade básicamente dedicámolo a pasear e facer turismo pola cidade. A zona histórica de Kokkola era especialmente bonita, estando formada por casas típicas finlandesas feitas de madeira e de diferentes cores. Por outra parte, a biblioteca municipal de Kokkola foi outro dos nosos sitios favoritos. O espazo era moi aberto, claro e cheo de luz natural, o cal ocorre tamén na biblioteca que visitamos en Helsinki. Outra actividade que fixemos foi ir a dar paseos nocturnos ata o porto de Kokkola para ver as auroras boreais, sen embargo non tivemos moito éxito nesta misión xa que non vimos auroras propiamente ditas, pero fomos quen de ver algún fulgor verde no ceo, que para nós foi máis que suficiente.
Tamén fixemos outras actividades fóra de Kokkola. Unha destas foi a visita a Pietarsaari e ao Museo do ártico. A cidade de Pietarsaari é moi similar a Kokkola, sobre todo na súa zona histórica xa que se rixe polo mismo tipo de arquitectura, aínda que respectando aínda máis a tradición xa que algunhas casas teñen máis de 200 anos de antigüidade. Sen embargo o Museo do ártico chamounos moito a atención xa que o museo en sí é unha aldea de casas de madeira en medio dun bosque que foi construida por un expedicionario do ártico e outros colaboradores que se ofreceron a axudalo. A última actividade que fai falta mencionar é unha tradición finlandesa que consiste en alternar entre estar na sauna e darse un baño en agua xeada que aínda que ao principio nos pareceu un pouco extremo, despois de facelo a todos nos pareceu divertido e, uns máis que outros, estaríamos encantados de repetir.
O último día da mobilidade o pasamos en Helsinki, que ao ser a capital foi con diferenza o destino no que visitamos máis sitios, aínda que ao só ter un día non poidemos facelo con moito deteñemento. Pola mañán dimos un paseo ata a praza central, na que estaba a catedral da cidade. Dende alí fixemos un free tour por todo o centro da cidade ata a biblioteca Oodi, que nos deixou sorprendidos ao ser moito máis que unha biblioteca, xa que contaba con impresoras 3d e ata estudios de gravación que poden ser usados co carnet da biblioteca. Pola tarde estivemos na zona do porto, onde estaba a igrexa vermella e visitamos o museo da cidade.
En resumo, Finlandia é un país con tradicións, paisaxes e cultura moi diferentes á nosa, o cal nos resultou moi enriquecedor e curioso a partes iguais. En canto á música e en xeral á cultura, Finlandia é un país que invirte e aposta fortemente por ela, o que se nota nos conservatorios, bibliotecas e incluso na xente, que aínda que nun primeiro momento poida parecer pechada ou de poucas palabras, a maioría deles son xente da que se poden aprender moitas cousas.”











Aquí deixamos algunhas das impresións máis destacadas do alumnado, sobre o impacto que causou a mobilidade na súa aprendizaxe musical:
Inés: “A nivel persoal, esta foi a miña primeira experiencia nun conservatorio estranxeiro, que me permitiu crecer moito. Desenvolverme en inglés, adaptarme a un entorco e a unha cultura descoñecidas teñen sido os retos que me axudaron a gañar confianza e autonomía. A observación da importancia do silencio e o respecto polo espazo persoal en Finlandia tamén foi unha grande lección cultural.”
Irene: “Esta formación serviume para poder coñecer novas formas de traballar respecto á música e axudoume para decidir que non quero deixar a música este ano, polo que tentarei seguir a miña formación musical o ano que ven, unha vez remate o conservatorio profesional. Ademáis foi moi interesante poder coñecer a educación finlandesa da que tanto se fala e poder ver que realmente sí é tan boa como din. Puiden ver diferentes formas de ensinar e perspectivas da música e ademáis puiden compartilas cos meus compañeiros. Sen dúbida é unha experiencia inesquecible que me proporcionou diferentes ferramentas para o meu futuro profesional, tanto dentro como fóra do ámbito musical. A miña valoración persoal é moi positiva, sentínme moi motivada durante toda a experiencia e aprendín moitas cousas que considero importantes para o meu futuro profesional.”
Clara: “Esta mobilidade ERASMUS+ foi unha experiencia moi boa, tanto para mín como para os meus compañeiros. Esta actividade deunos unha oportunidade non só para desenvolvernos como músicos senón para coñecermos entre nós. Gracias ó Erasmus formei amistados con compañeiros que doutro xeito non houbese coñecido.”
Andrés: “A nivel persoal pareceume unha experiencia moi enriquecedora por cousas como ter conectado máis con xente do conser que non coñecía, poder vivir a cultura finlandesa, por poder experimentar o que é a vida estudiando música nun lugar novo, cousa que moitos seguramente faremos proximamente. Todos estivemos moi a gusto con todos e tamén con Ángel, que nos axudou e con quen tamén o pasamos en grande.”
Xián: “Pareceume unha experiencia moi enriquecedora e chea de aprendizaxes. O que máis destaco é ter coñecido a moita xente, e non só profesores e alumnos de Kokkola, senón tamén aos compañeiros do conservatorio cos que fun. Tamén me encantou poder coñecer Finlandia, xa que nunca estivera nun país nórdico e disfrutei estando nun país cunha cultura e clima tan diferentes. Todos os sitios nos que estiven foron moi bonitos, especialmente coa neve coma paisaxe de fondo.”
Diego: “En definitiva, ter participado neste Erasmus a Finlandia foi unha experiencia tremendamente enriquecedora, tanto a nivel académico como persoal. Realmente é unha oportunidade que espero que moita máis xente poida disfrutar. Fun moi feliz estos 10 días, lévome con agarimo un moi bo recordo!”







Deixa unha resposta