O pasado xoves 16 de xaneiro, ás 18:00 horas, tivo lugar a sesión informativa de preparación cultural e práctica dirixida ao alumnado e familias seleccionado para a mobilidade ao Conservatorio de Ostrobotnia Central en Kokkola (Finlandia).

Virginia Lis e Ángel Montes, membros do Equipo Erasmus do CMUS Profesional de Vigo, dirixiron esta sesión de carácter preparatorio para solventar todas as dúbidas que o alumnado que vai viaxar a Kokkola e as súas familias puideran ter. Tamén se lles deron certos consellos prácticos relativos á vida no país finés, xa que Virginia estivo alí en visita preparatoria hai un mes, para organizar esta mobilidade.

Segundo os resultados das enquisas, parece que tanto o alumnado como as súas familias quedaron moi satisfeitos coa sesión preparatoria, xa que o 100% dos asistentes puntuou coa máxima cualificación a organización da propia sesión e a información ofrecida nela, o 90% tamén cualificou coa máxima puntuación a utilidade desta sesión, e o 10% outorgoulle a esta pregunta unha puntuación de 4 sobre 5.

Aquí vos achegamos algunhas fotos da sesión que tivo lugar na sala de lectura da biblioteca do noso centro.