O alumnado do CMUS Profesional de Vigo que está en Uppsala dentro das mobilidades do proxecto KA121 2023-2024, está vivindo os últimos días na Uppsala Kulturskola, cheos de actividades e bonitas experiencias.
Entre as actividades desta semana, ademáis de seguir asistindo a diferentes clases, destacamos a participación de Helena Fernández, Andrea Cangeri e Candela Teijeira nun concerto con máis alumnado da Uppsala Kulturskola, onde recibiron bonitas palabras e aplausos de parte do profesorado e alumnado da escola. Tamén tomaron clases de teatro, danza e visitaron “El Sistema”, método de inclusión social a través da música nas áreas periféricas de Uppsala, dirixido pola profesora Dorota Frick.
Por suposto, houbo algún tempo para visitar lugares de interese en Uppsala e Estocolmo, acompañados polo Coordinador Erasmus+ Angus Keay. E como curiosidade, un día foron ao supermercado e atoparon nel, nada máis e nada menos, que un piano!! e sen pensalo dúas veces Helena Fernández púxose a tocar.
Aquí vos deixamos unhas cantas fotos desta última semana. Estamos desexando a volta de Helena, Candela, Andrea e o Xefe de Estudos Javier para que nos conten con detalle todo o vivido nestes días en Suecia.
Desde o Equipo Directivo e o Equipo Erasmus+ do CMUS Profesional de Vigo queremos agradecer de novo, de corazón, todo o agarimo que está recibindo o noso alumnado e profesorado por parte do persoal da Uppsala Kulturskola.
Deixa unha resposta