Os días 6 e 13 de xuño o Equipo Erasmus+ do CMUS Profesional de Vigo reuniuse co profesorado e alumnado, nas datas respectivas, para extraer conclusións finais e compartir entre todas e todos as distintas experiencias vividas nas mobilidades deste curso 2023-2024 dentro do programa Erasmus+ KA121.

Nas reunións, guiadas pola nosa coordinadora Sara Peral, a partir do que o profesorado e alumnado participante escribiu nas suas memorias, comentamos experiencias satisfactorias comúns e puntos a mellorar ou cambiar. É curioso escoitar as diferentes interpretacións dunha mesma situación, e ver como se poden atopar puntos de vista distintos dun mesmo feito.

Pensamos desde o Equipo Erasmus+ que estes coloquios son moi bos e produtivos, xa que permiten aprender entre todos das distintas experiencias, e tamén sirven para tomar nota do que se pode mellorar cada ano pola nosa parte en canto a xestión e organización.

Nestas reunións participaron as profesoras María del Mar Bel, que estivo en Lugano (Suiza), Gloria Rodríguez e Aine Veloso, que estiveron en Loulé (Portugal), e Oscar Davila que xunto con Ramón Cabezas visitaron Parma (Italia). Por parte do alumnado podemos ver nas fotos a Andrea Cangeri, Helena Fernández e Candela Teijeira que viaxaron a Uppsala (Suecia) acompañados polo noso Xefe de Estudos Javier González.

O Equipo Erasmus+ estivo formado neste curso 2023/2024 por Sara Peral, Coordinadora e profesora de piano, Carmen Carreiras, Vicedirectora e profesora de piano, Ángel Montes, Secretario e profesor de harmonía e banda, Virginia Lis, profesora de clarinete, e Cecilia Martínez, profesora de Linguaxe Musical.