Cinco profesores da Uppsala Kulturskola (Suecia) visitaron o noso centro durante esta semana.

O CMUS Profesional recibiu durante esta semana aos cinco profesores da Uppsala Kulturskola de Suecia, no que supuxo a primeira ocasión na que o noso centro recibe visitantes de mobilidade Erasmus na modalidade de job shadowing. Xa no curso 2023-2024 Angus (guitarra eléctrica) e Kristina (piano) nos visitaron en visita preparatoria como centro asociado, e agora, ademáis deles, contamos coa presenza de Ida (violín e viola), María (violín e viola) e Martin (clarinete).

Os cinco profesores viviron e conviviron co noso profesorado e alumnado, experimentando a nosa forma de traballar como conservatorio e compartindo impresións acerca da cultura e a educación musical. Grazas á colaboración do Equipo Erasmus+, o Equipo directivo e o Equipo de actividades do centro, os nosos colegas suecos partiparon na modalidade job shadowing, asistindo ás clases de materias instrumentais de todos os departamentos, ademáis de diversas materias teórico-prácticas como Harmonía e Linguaxe Musical, e materias de conxunto como as bandas, orquestras e coros. Aparte das actividades lectivas, mantiveron reunións cos diferentes equipos do centro e participaron no podcast Os contos da Miñoca. Durante unha semana cumpriron cun apertado programa convivindo connosco en todas as actividades que conforman o día a día do noso centro.

Como non todo vai ser traballar, tamén houbo algún tempo para amosarlles algúns lugares representativos da contorna nunha pequena excursión polo Monte Cepudo, o centro da cidade e cómo non, a Praia de Samil.

Aquí podedes ver algunhas fotos das diferentes actividades nas que participaron.

Estamos moi agradecidas pola colaboración de toda a comunidade educativa, que acolleu aos nosos visitantes con todo o cariño, e a implicación dos nosos colegas suecos, que segundo refiren marchan moi contentos.

Xa van unhas cantas experiencias vividas nos últimos cursos cos nosos compañeiros da Uppsala Kulturskola, todas moi gratificantes e enriquecedoras.Volvede axiña!!