María del Mar Bel Borja, a compañeira que imparte frauta traveseira no Cmus Profesional de Vigo, chegou este martes día 6 de Febreiro a Lugano, cantón de Suiza, dentro das actividades de “Job Shadowing” do programa Erasmus KA121 2023-2024.
Despois dunha longa viaxe, Mar foinos informando ao Equipo Erasmus+ de toda a súa andaina polo Conservatorio della Svizzera Italiana en Lugano, cidade suiza que pertence ao Cantón de Tizino, que durou ata o sábado 10 de Febreiro.
A nosa compañeira cumpliu un apretado programa para tratar de asistir as máximas clases posibles e trasladar despois ao noso claustro todas as súas aprendizaxes. O Coordinador de Relacións Internacionais, Hernando Flórez, e a Encargada Administrativa de Secretaría Académica, Martina Verzasconi, recibiron a Mar na mañá da súa chegada ao centro, explicándolle todo o funcionamento académico deste, e o plan de traballo que levarían a cabo nos seguintes días.
Mar asistiu a clases de pedagoxía da frauta, música de cámara, ensaios de orquestra, conferencia de comportamentos difíciles, coro infantil, didáctica e entrenamento auditivo entre outras, quedando abraiada co bo nivel do alumnado. O sistema de estudos é bastante diferente ao noso, segundo comenta a nosa compañeira, pero de todo se aprende, de feito, comenta que foi moi interesante conversar co profesor de pedagoxía da frauta, co que falou de problemáticas comúns para o alumnado que estuda este instrumento.
A continuación podedes ver algunhas fotos que Mar compartiu connosco sobre a súa experiencia en Lugano. Moitas grazas Mar por ternos tan ben informados a todo o Equipo Erasmus+, estamos desexando que a volta nos contes todos os detalles do teu paseo suizo.
Deixa unha resposta