O luns día 5 de Febreiro as nosas compañeiras Gloria Rodríguez Gil, profesora de linguaxe musical, e Aine Veloso Álvarez , profesora de piano, comezaron a súa visita ao conservatorio Francisco Rosado en Loulé, Portugal. Chegaron a esta cidade xuntas, en viaxe ecolóxico compartindo coche, seguindo unha das prioridades do programa Erasmus+ “Medio ambiente e loita contra o cambio climático”.
Durante estes días, do luns 5 ao venres 9 de Febreiro, visitaron as instalacións deste centro, e asistiron a diferentes clases. Quedaron impresionadas, segundo contan, coa beleza do auditorio deste centro, con capacidade para un público de 100 persoas, e tamén co edificio que en palabras de Aine “é pequeno pero precioso”.
Outra cousa que lles chamou a atención é a política que leva o centro tratando de loitar contra o uso excesivo de teléfonos móbiles a través duns inxeniosos carteis como este.
Entre as actividades que realizaron cabe destacar a asistencia a clases de cuarteto de violíns, banda, viola da gamba, guitarra portuguesa na que quedaron impresionadas co método e a creatividade do profesor Zé Alegre, clase de clave, análise e frauta de bico entre outras. O Conservatorio Francisco Rosado fai unha gran aposta polo estudio de instrumentos e música antiga, pero tamén pola música moderna, con asignaturas como combo de jazz.
Estamos desexando que as nosas compañeiras volten e transmitan ao noso claustro a súas vivencias, aprendizaxes e emocións. Segundo relatan elas, quedaron moi satisfeitas coa boa acollida e implicación dos nosos socios portugueses.
Aquí vos deixamos algunhas fotos que con moito cariño e entusiasmo Aine e Gloria tomaron para todos nós. Desde o Equipo Erasmus+ do Cmus Profesional de Vigo enviamos agradecementos as nosas compañeiras pola boa representación que fixeron do noso centro no país luso.
Deixa unha resposta